sábado, 29 de mayo de 2010

Preto de 400 veciños de Ferrol presentaron xa a súa solicitude para votar as propostas a financiar con cargo aos Orzamentos Participativos 2010








• A cidadanía elixirá de forma directa o destino dunha partida de 1,6 millóns de euros dos fondos municipais

• O alcalde, Vicente Irisarri, destaca a consolidación deste proceso no que Ferrol é pioneiro en Galicia e que permitirá á cidadanía elixir os proxectos a executar nos barrios


Ferrol, 25 de maio de 2010.-

O alcalde, Vicente Irisarri; o concelleiro de Participación Cidadá, Manuel Santiago, e a técnica Maica Rodríguez compareceron esta mañá ante os medios para dar conta do proceso de Orzamentos Participativos 2010 e informar dun primeiro balance do número de cidadáns e cidadás que presentaron xa a súa solicitude formal para participar activamente no mesmo, votando as propostas que se financiarán con cargo aos 1,650,000 euros consignados para este exercicio. Así, tras a celebración das charlas para dar a coñecer o proceso, 389 persoas decidiron incribirse no Rexistro de Participantes e se presentaron 49 propostas de intervención. En todo caso, o prazo formal –tanto para votar as propostas como para presentalas- abrirase o próximo luns, 31 de maio, e se pechará o 6 de xuño.

Vicente Irisarri destacaba esta mañá que os Orzamentos Participativos constitúen xa un sinal de identidade de Ferrol, cidade pioneira neste campo e expresión máxima da democracia. Estes permiten aos veciños e veciñas elixir directamente o destino dos fondos municipais. E neste senso, Irisarri apuntou que, tras unha primeira experiencia piloto no 2009, Ferrol conseguiu consolidar este proxecto, brindando aos ferroláns e ás ferrolás a posibilidade de participar nun proceso que se presenta como un exercicio de democracia real e participativa.

E ao fío disto, o concelleiro Manuel Santiago informou dos datos parciais do Rexistro de Votantes obtidos tras a celebración do ciclo de charlas informativas que deu comenzo o 5 de maio e rematou o pasado domingo en Valón para dar a coñecer o plan de traballo previsto para este ano. En total, foron 12 os encontros celebrados nos barrios e parroquias que serán obxecto de intervención no proceso de Orzamentos Participativos 2010: Doniños, San Xurxo, Covas e Esmelle -na zona rural- e San Pablo, Santa Mariña, San Xoán de Filgueira, Ferrol Vello e Canido -na zona urbana-. Así pois, o concelleiro avanzou que ata o momento un total de 389 persoas se inscribiron no Rexistro de Participantes. E, todos eles, tomaron a decisión de formar parte del tras asistir ás charlas e coñecer o proceso.

Así, o prazo oficial de presentación de propostas e de inscrición de votantes abrirase o próximo luns, 31 de maio, e pecharase o 6 de xuño. ¿Onde? Nos 11 puntos habilitados nos diferentes barrios e parroquias (estes adxúntanse na nota de prensa xunto cos horarios de apertura). Tamén existe a posibilidade de facer chegar as propostas a través da web do Concello (www.ferrol.es). E neste senso, avanzou que cada veciño ou veciña poderá achegar ata un máximo de dúas propostas. Estas poderán ser de dous tipos: investimentos e/ou mantenemento de infraestruturas ou equipamentos, e actividades ou programas sociais.

Para poder realizar as propostas haberá que cubrir unha ficha que se poderá recoller e entregar no Departamento de Participación Cidadá do Concello de Ferrol, na web municipal www.ferrol.es ou ben nos locais sociais das asociacións e organizacións dinamizadoras dos barrios seleccionados. Para poder presentalas é requisito ser maior de 16 anos, e para exercer o voto, estar inscrito no Rexistro de Votantes.

Ademáis, na zona rural inscribíronse no Rexistro de Votantes un total de 179 persoas, fronte as 210 da zona urbana (o pasado ano, o número de votantes foi de 725). Neste punto, o concelleiro Manuel Santiago invitou a todos os cidadáns e cidadáns a participar neste proceso de Orzamentos Participativos inscribíndose no dito Rexistro para deste xeito poder votar as propostas a financiar con cargo aos Orzamentos Participativos. O proceso terá continuidade no mes de xuño, coa celebración das asembleas de zona, que definirán as problemáticas e seleccionarán as propostas de actuación. Serán catro nesta ocasión: Asemblea de San Xoán, San Pablo e Santa Mariña; Asemblea de Canido e Ferrol Vello; Asemblea de San Xurxo e Doniños, e Asemblea de Covas e Esmelle. Serán as ditas asembleas as que elevarán as propostas seleccionadas á Asemblea de Cidade, un espazo novo de traballo que se incorpora ao proceso este ano e que terá como cometido decidir as propostas que se executarán co orzamento dispoñible de 1.650.000 euros. Nela elixirase tamén a Comisión de Seguemento que velará polo seguimento das mesmas.

O paso seguinte será o correspondente ao análise da viabilidade das propostas por parte do persoal técnico municipal e finalmente, en outubro, convocarase a Asemblea de Cidade, de onde sairán as propostas para ser executadas con cargo aos Orzamentos Participativos de 2010, as cales, igual que se fixo o pasado ano, deberán elevarse ao Pleno para a súa aprobación final.

Así mesmo, este xoves terá lugar a constitución do Grupo Motor, que se encargará de dinamizar o barrio ou parroquia e difundir as actividades previstas no marco deste proceso. Este ano, tal e como destacou o concelleiro de Participación Cidadá, terá un maior peso e relevancia no proceso.

Por outra banda, o pasado 12 de maio nomeouse a Comisión Técnica municipal, que analizará a viabilidade técnica, xurídica e económica das propostas recibidas. Este espazo de traballo reforzouse este ano coa ampliación do seu número de membros -un total de 34 traballadores e traballadoras (persoal técnico e administrativos de todos os departamentos do Concello). Así, a diferencia da primeira experiencia dos Orzamentos Participativos, triplicouse en número. Outra das melloras introducidas este ano é a relativa ao tempo do que disporá a Comisión Técnica para a fase de análise da viablidade das propostas cidadás: dous meses fronte ás dúas semanas das que dispuxeron os seus integrantes o pasado ano.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Buscar este blog