sábado, 29 de mayo de 2010

Máis de 150 alumn@s visitarán o Concello esta semana ao abeiro do programa Coñecendo Ferrol, a nosa cidade








• O alcalde, Vicente Irisarri, recibirá a estudantes dos centros educativos Cruceiro de Canido, Tirso de Molina e Lestonnac
• A edil Mercedes Carbajales lembrou que todos os colexios poden solicitar a participación nesta iniciativa ao Negociado de Educación descargando a solicitude na web www.ferrol.es

Ferrol, 24 de maio de 2010.-

O Concello de Ferrol recibirá esta semana un total de catro visitas de alumnos e alumnas de centros educativos da cidade ao abeiro do programa Coñecendo Ferrol, a nosa cidade, posto en marcha polo equipo de goberno que lidera Vicente Irisarri para dar a coñecer entre o alumnado dos centros educativos da cidade o funcionamento da Administración Local e as súas dependencias. Nesta ocasión serán arredor de 150 rapaces e rapazas os que, en compaña dos seus profesores, se achegarán ata a Casa Consistorial ao longo de tres xornadas.

A primeira das visitas programadas tivo lugar esta mañá e nela participou un grupo de 40 alumnos e alumnas de 4ª curso de educación Primaria do colexio Cruceiro de Canido. O mércores será o turno do colexio Tirso de Molina, que desprazará ata o Concello a un total de 40 rapaces, tamén de 4ª de Primaria. Finalmente, o venres participarán neste programa de visitas alumnos do colexio Lestonnac (26 estudantes de 5ª e 6ª de Primaria xunto con representantes de ESO) e novamente do Cruceiro de Canido (40 alumnos de 2º de Primaria). Todos eles, tal e como avanzou a concelleira de Educación, Mercedes Carbajales, teñen a oportunidade de coñecer polo miúdo o funcionamento e instalacións do Concello como as oficinas e Rexistro, Facenda, Medio Ambiente ou o Salón de Plenos, onde poderán plantexar ao alcalde, Vicente Irisarri, todas aquelas cuestións ou dúbidas que presenten acerca de diferentes asuntos relacionados coa Administración local.

A edil Mercedes Carbajales lembrou que estas accións se enmarcan dentro do programa permanente de visitas escolares organizadas polo Concello de Ferrol ao Pazo municipal baixo o lema Coñecendo Ferrol, a nosa cidade. Unha iniciativa que xa se viña celebrando esporadicamente pero que boutou andar a finais de novembro de 2009 como un novo programa educativo estable, coa participación de alumnos do colexio Xesús Maestro. A este respecto, subliñou que o dito programa está aberto a todos os centros educativos do municipio que o demanden, para o cal terán que remitir a súa solicitude ao Concello -que poden descargar da web www.ferrol.es- por fax ao Negociado de Educación (981 945 110).

Nela deberán constar ademais dos datos da persoa que curse a solicitude, as datas e días de preferencia para organizar a visita ao Concello, así como a banda horaria que mellor se adapte ás súas necesidades e o alumnado co que se traballará a visita. Respecto a este último punto deberanse indicar os niveis e materias dos estudantes, o número de alumnos que participarán na actividade e o de profesores. Facilitarase, así mesmo, aqueles aspectos que resulten de especial interese e que desexan que sexan tratados nestas visitas.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Buscar este blog