sábado, 29 de mayo de 2010

O Concello adianta o dispositivo especial de praias ao 4 de xuño en Doniños, Covas, Esmelle e San Xurxo








• O goberno local informa de que un total de 56 socorristas velarán pola seguridade dos bañistas nesta tempada
• A campaña de limpeza de praias arrancará este mesmo mércores e intensificaráse naquelas de maior afluencia
• O goberno local destaca o esforzo en ampliar os servizos e anuncia unha nova caseta de madeira, previsiblemente en Esmelle, a instalación de duchas e a dotación de novo material para o traballo diario dos socorristas

Ferrol, 25 de maio de 2010.-

O concelleiro de Medio Ambiente e Servizos, Rafael Fernández Beceiro, e a concelleira de Seguridade, Sandra Ríos, presentaron esta mañá a campaña de praias 2010. Unha campaña que se desenvolverá entre o 4 de xuño e o 15 de setembro. Este ano, ao igual que nos veráns anteriores, o goberno local aposta pola mellora de servizos nos areais e pola dinamización dos mesmos, coa ampliación de recursos materiais e coa profesionalización do servizo de vixianza e socorrismo. Uns obxectivos polos que está a traballar o goberno socialista desde o inicio do presente mandato e dentro dos cales destaca a nova ordenanza específica de praias que convertiu ao Concello de Ferrol en pioneiro neste eido –a súa entrada en vigor tivo lugar en xullo de 2008 como unha ferramenta que permite conxugar o dereito de todos os cidadáns de gozar das praias co deber da Administración local de velar polo seu uso racional-.

Así pois, unha das primeiras accións porase en marcha este mércores. Será o servizo de limpeza dos areais ao que se destinarán un total de sete operarios que en horario de maña, e de luns a sábado, adicaranse á súa limpeza, así como á dos aseos -esta será diaria-. Nas praias de bandeira azul, tal e como avanzou o edil Rafael Fernández, o dito servizo ampliarase aos domingos e festivos. E ao fío disto, subliñou que a limpeza dos areais é unha prioridade para o goberno municipal toda vez que constitúen un reclamo turístico de primeiro nivel para a cidade, ademais de ser lugares de máxima concurrencia durante a época estival.

Pola súa banda, a concelleira de Seguridade, Sandra Ríos, anunciou esta mañá que o servizo de vixianza e socorrismo nos areais do Concello de Ferrol se activará o vindeiro 4 de xuño e desenvolverase ata o 15 de setembro. Un total de 56 socorristas velarán pola seguridade dos bañistas desde as 12.00 ata as 20.00 horas.

A este respecto, Sandra Ríos indicou que o 4 de xuño comenzará a vixianza dos areais limitándose o servizo ás fins de semana (venres, sábado e domingo -os días 4, 5, 6, 11, 12 e 13-). Será nas praias que no 2009 foron distinguidas coa Bandeira Azul: Doniños-Outeiro (haberá unha plantilla formada por 6 socorristas de servizo cada día), Covas (4 socorristas a diario), San Xurxo (3 socorristas de servizo diariamente) e Esmelle (serán tamén 3 os socorristas que presten cada día o servizo). Xa a partires do 15 de xuño, ademais de continuar coa vixianza das anteriores praias, abriranse catro novos postos: Penencia (Doniños), Caranza, Santa Comba e Ponzos. E ao fío disto, a concelleira de Seguridade informou de como se levará a cabo a prestación do dito servizo de vixianza e socorrismo do 15 ao 30 de xuño e do 1 ao 15 de setembro:

Doniños-Outeiro: 6 socorristas pola mañá e 8 polas tardes
Doniños-Penencia: 3 socorristas pola mañá e 4 polas tardes
Covas: 4 socorristas
San Xurxo: 3 socorristas pola mañá e 4 polas tardes
Esmelle: 3 socorristas pola mañá e 4 polas tardes
Caranza: 2 socorristas
Santa Comba: 2 socorristas
Ponzos: 2 socorristas

En canto aos meses de xullo e agosto, manterase a organización anterior, reforzándose algúns postos e abríndose dous máis na Graña ( 2 socorristas) e Marmadeiro (outros 2 socorristas). A este respecto, explicou que os postos de Caranza, Covas, Santa Comba e Ponzos reforzaranse cun socorrista máis en horario de tarde e os de Bandeira Azul (Doniños, San Xurxo, Covas e Esmelle) contarán cun socorrista máis polas tardes os sábados e domingos.

Así mesmo, Sandra Ríos lembrou que como novidade na convocatoria deste ano, nas probas de selección introduciuse unha proba teórica que deberán realizar aqueles aspirantes que queiran optar á función de xefe de Posto. Consistirá nun exame no que os candidatos deberán amosar os seus coñecementos e experiencia. A proba, pois, estará enfocada a aspectos de organización e coordinación do dito servizo, e levarase a cabo esta sábado, día 29. Dela sairán os 5 xefes de posto, que desenvolverán o seu traballo en Doniños, San Xurxo, Covas, Esmelle e Santa Comba.

A concelleira de Seguridade amosou a súa confianza de que a profesionalización do servizo de socorrismo e vixianza de praias favoreza un balance de cero vítimas ao remate da tempada, ao igual que ocorreu o pasado ano. Uns resultados que desde a Concellería de Seguridade e Protección Civil se queren repetir nesta nova tempada e que foron consecuencia non só do incremento de medios, senón tamén do persoal que levou a cabo, fundamentalmente, as funcións de enfermería e vixianza en cada posto. A estes sumáronse tamén as patrullas de socorristas que percorreron as beiras dos areais ao igual que o farán nesta nova tempada de verán.

Finalmente, os concelleiros Rafael Fernández e Sandra Ríos deron conta das melloras que se incorporarán á tempada de verán deste ano. E neste senso, informaron de que se levaron a cabo diferentes tarefas de reparación naquelas casetas de salvamento que as requerían, como é o caso da de San Xurxo. Así mesmo, procederase á instalación dunha caseta de madeira máis acorde co contorno, previsiblemente na praia de Esmelle. A idea, segundo avanzou o edil de Medio Ambiente e Servizos, é ir ampliando a súa instalación en próximas tempadas de obterse bos resultados este ano, sustituíndo así os contenedores. Así mesmo, naqueles areais nos que non hai duchas fixas colocaranse duchas con lavapés, tamén adaptadas ao entorno -están previstas en Esmelle, Penencia, A Graña e Caranza-. Por outra banda, e tras un investimento de 18.000 euros, renovaranse os servizos públicos e o material das casetas, tanto o destinado a tarefas de salvamento (termómetros dixitais, prismáticos, táboas de salvamento...) como ao mobiliario (padiolas, botiquíns, taquillas para os socorristas -en tempadas anteriores non dispuñan delas-, etc.). No caso dos areais de Doniños e San Xurxo, disporase tamén de desfibriladores.

Doutra banda e concluíndo, Sandra Ríos explicou que, coincidindo co inicio da tempada de praias, se activará unha nova web na que se dará cumplida conta do estado e incidencias nos areais, de tal xeito que se amplíe a información da que dispón a cidadanía.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Buscar este blog