sábado, 29 de mayo de 2010

O goberno local anuncia a convocatoria da III edición do Premio Solidario Cidade de Ferrol








• A entidade gañadora recibirá un premio en metálico de 5.000 euros, un distintivo e a divulgación do proxecto
• Os proxectos presentados pola asociación Teima e o comité anti-sida Lazos, galardoados nas primeiras edicións

Ferrol, 24 de maio de 2010.-

A Concellería de Solidariedade, Xuventude, Muller e Benestar Social ten previsto convocar por terceiro ano consecutivo o Premio Solidario Cidade de Ferrol, un galardón dotado con 5.000 euros, un distintivo e o compromiso de promoción e divulgación do proxecto co que o Concello de Ferrol quere premiar os esforzos de iniciativas e proxectos desenvolvidos no ámbito da solidariedade, a cooperación e o voluntariado, tanto nun eido local como internacional, pero sendo preferentes os que teñan o seu campo de actuación na cidade de Ferrol. Así as cousas, a edil da área, María López, lembraba que, nas anteriores edicións, o Premio Solidario recaeu na asociación Teima e no comité anti-sida Lazos. Despois do seu paso por comisión, as bases publicaránse no BOP, trámite co que se abrirá o prazo para presentar as correspondentes solicitudes.

Neste contexto, María López explicou que para a concesión se teñen en conta unha serie de requisitos, como a poboación protagonista da acción promovida, a relevancia para a sociedade en xeral e para os colectivos con dificultades en particular ou a promoción da igualdade de xénero, o respecto ao medio ambiente ou a resposta ás necesidades do lugar. Así mesmo, a concelleira explicou que nesta edición se incorporaron novos criterios de admisión que, nas dúas convocatorias anteriores, figuraban como criterios de valoración. Entre estes, o fin solidario do proxecto e que a solvencia da entidade lles permita levar adiante o proxecto.

Máis polo miúdo, María López lembraba que poden concorrer ao Premio Solidario entidades sociais como asociacións, ONGs ou fundacións ou ben persoas físicas maiores de 18 anos. Engadiu que a proposta poderá partir do autor ou de calquer outra persoa ou entidade que considere que o proxecto é merecedor do premio. Así, os interesados deberán presentar as súas propostas no Rexistro Xeral Municipal, sito no Concello, logo da publicación no BOP.

Unha vez expirado o prazo de presentación de candidaturas, o Equipo Técnico da Área de Solidariedade, Cooperación e Voluntariado realizará unha primeira revisión de tódalas propostas e, posteriormente, constituiráse o xurado, que estará formado polo alcalde, un técnico municipal, un representante do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, tres representantes elixidos entre as entidades que formen parte do Consello Sectorial Municipal de Benestar, e un membro de cada grupo político con representación municipal.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Buscar este blog