sábado, 29 de mayo de 2010

A Concellería de Muller e as asociacións de Ferrol promoven a II Mostra Municipal Coas nosas Mans








• O alcalde, Vicente Irisarri, inaugurará o 29 de maio o encontro, no que centos de mulleres darán a coñecer a pé de rúa as actividades que desenvolven na Casa da Muller de Ferrol
• A edil María López invita a toda a cidadanía a participar nesta cita, que se celebrará, dende as 11 horas, no Cantón de Molíns

Ferrol, 25 de maio de 2010.-

O alcalde de Ferrol, Vicente Irisarri, será o encargado de inaugurar o vindeiro 29 de maio, ás 12.00 horas, a II Mostra Municipal das Asociacións de Mulleres e Casa da Muller “Coas nosas mans”, que se celebrará no Cantón de Molíns en horario de 11.00 a 14.00 e de 16.00 a 19.00. Así o avanzou esta mañá a concelleira de Muller, María López, destacando que o dito encontro, que na súa primeira edición celebrada o pasado ano reunira a preto de 180 mulleres, ten como finalidade dar a coñecer e pór en valor o traballo creativo das alumnas que ao longo do curso participan nos diferentes obradoiros promovidos pola Concellería de Muller, non só dos que se impartiron nas dependencias municipais emprazadas na rúa Lugo número 56, senón tamén aqueles outros que se levaron a cabo nos locais das entidades de mulleres que así o solicitaron ao abeiro do programa “Mulleres en relación”, promovido polo Concello para descentralizar a oferta de actividades dirixidas ás mulleres do Concello de Ferrol cunha temática baseada na súade a creatividade. Este ano, e como novidade, incorpóranse á mostra os traballos feitos nos talleres de barro, coiro, fotografía e documentais, que se suman aos de pintura, presentes o pasado ano. En todo caso, María López quixo subliñar o papel da Casa na sociedade de Ferrol, xa que constitúe un servizo gratuíto cuxo principal compoñente é o benestar físico e emocional das mulleres, para o que se traballa no ámbito da prevención de enfermidades e potenciando a autoestima.

Xa polo miúdo, a responsable das políticas municipais de Muller explicou que nesta Mostra, que estará aberta á cidadanía, as persoas que se acheguen ata ela poderán comprobar de primeira man o resultado de todas as accións que está a impulsar o Concello na Casa da Muller. Así, “Coas nosas mans” permitirá ver de preto os traballos das mulleres en distintos ámbitos, desde encaixe, pintura ou bordado, a macramé, patchwork e artesanía, pasando por “cousas de casa”, flor prensada ou corte e confección. A estes súmanse os correspondentes aos obradoiros de danza, memoria, fotografía, barro, documentais ou coiro.

En canto ás entidades que tomarán parte nesta II Mostra Municipal das Asociacións de Mulleres e Casa da Muller, a concelleira María López avanzou que estarán a Asociación de Mulleres Amistad de Santa Mariña, a Asociación de Mulleres de Caranza, Asociacións de Mulleres Rurais de Doniños e de Esmelle e a Asociación de Fibromialxia e Fatiga Crónica do Noroeste (Affinor). En total, serán 215 as participantes neste encontro que ao longo do día amosarán os traballos realizados ao longo deste curso.

Así, as mulleres que tomaron parte nos Obradoiros de Memoria da Casa da Muller e da Asociación de Mulleres Amistad realizarán lecturas de textos (estás correrán a cargo das participantes no obradoiro de memoria), traballarán no pintado en tea, bordado, macramé, pintura (disporán para iso dos correspondentes caballetes), barro e exporán as fotografías realizadas nos obradoiros a través dunha montaxe feita por elas mesmas, así como documentais. Tamén amosarán o aprendido nos obradoiros dos cinco obradoiros de danza celebrados e ao longo da xornada haberá música e poesía. Esta última coa poeta ferrolá Juana Corsina, que o vindeiro 31 de maio presentarán na Casa da Muller o seu poemario “Ángulo muerto”.

Finalmente, María López animou á cidadanía ferrolá a asistir a este segundo encontro feminino e festa de Fin de Curso da Casa da Muller e Asociacións de Mulleres da Cidade “Coas nosas mans” e coñecer de preto todas as actividades que ofrece ás mulleres do Concello de Ferrol a Casa da Muller, convertida desde a súa apertura en novembro de 2008 nun espazo plural, de encontro, convivencia e recoñecemento á muller e nun referente para as mulleres non só do Concello senón tamén da comarca.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Buscar este blog