viernes, 2 de julio de 2010

O custe máximo das prazas do centro de día fixado na ordenanza é de 546 euros ao mes

Os desencontros entre os ex socios de goberno continúan a marcar o día a día da vida municipal desde que o pasado luns o alcalde, Xosé Manuel Blanco, cesase a tres edís do PP e os outros dous decidisen renunciar aos seus cargos na mesma semana. Se ben na xornada do xoves os “populares” solicitaban unha serie de documentos económicos da etapa do bipartito –a través do proceso de exame da conta xeral–, onte mesmo continuaban as desavenencias entre as partes. O PP naronés solicitou na Comisión de Contas a retirada das ordenanzas que regulan o prezo público dos servicios prestados nos centros de maiores das Vivendas da Marina e Manuela Pérez Sequeiros. O motivo, segundo os “populares”, é que a ordenanza elaborada –e que se levará á Xunta de Portavoces do luns e ao pleno do vindeiro xoves– “carece dun informe económico financieiro que respalde e xustifique os prezos públicos que establece, un documento preceptivo para a aprobación dos mesmos”. Desde o PP inciden en que coa solicitude desta retirada se pretende solventar “os defectos existentes nas contas e realizar un traballo responsable en beneficio dos veciños”. Ao respecto, o alcalde, Xosé Manuel Blanco, asegurou onte que eses informes xa están elaborados e que se presentarán o luns.

O sucedido coa ordenanza reguladora do prezo público polos servizos prestados polos dous centros comunitarios de Narón tampouco pasou desapercibido para o BNG. O concelleiro Francisco Porto cualificou de “hipócrita” a actitude do PP, explicando que “hai tan só uns días o responsable desa área era o concelleiro “popular” Miguel Hermida e ese informe económico non estaba, polo que non entendemos como un día despois de romper o pacto, algo que non levaba na súa área o martes –na comisión– sexa motivo para que reclamen agora a retirada dese punto, estando ata entón o proceso en mans do PP”.
A ordenanza que se levará á Xunta de Portavoces do luns contempla os prezos a aplicar polos diferentes servizos. No que respecta ás estancias no centro de día, fíxase un máximo mensual –en xornada completa– de 546 euros; reducíndose o importe a 320 para as medias xornadas e contemplándose 8,85 euros a hora solta ou engadida á xornada. A capacidade económica do usuario, en función das rentas e do grao de dependencia, permitiralle acollerse a unha serie de bonificacións, de entre o 45 e o 75% do total, tendo que abordar o usuario a porcentaxe restante. O custe estimado do transporte estableceuse en 0,30 euros por quilómetro.
A ordenanza fixa ademais os custes por servizos terapéuticos e de mantemento psicofísico –excepto hidroterapia–, en bonos de nove sesións, de entre 10 e 15 euros ao mes e con descontos para grupos de máis de 30 persoas. Así mesmo, nos circuítos de hidroterapia, os maiores de 60 e pensionistas poderán sacar bonos de entre cinco e doce sesións –de 30 a 50 euros– e fixáronse tarifas lixeiramente superiores para outros usuarios, ofrecéndose tamén a posibilidade de asistir a sesións soltas.
Os prezos dos produtos do ambigú e menús de comedor tamén se fixaron, mentres que o de xantar a domicilio establecerao un convenio entre o Concello e o Consorcio Galego de Servizos Sociais.

DiariodeFerrol, 19-6-2010

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Buscar este blog