miércoles, 26 de noviembre de 2008

A FUTURA LEI DE ACCIÓN VOLUNTARIA


Vicepresidencia presenta a futura Lei de Acción Voluntaria que pretende apuntalar a puxanza do movemento solidario en Galiza cunha aposta pola calidade e a coordinación

O director xeral de Xuventude e Solidariedade, Rubén Cela, explicou hoxe o anteproxecto de lei que se tratará no Consello da Xunta o vindeiro xoves 27 de novembro. O texto contempla a creación de novos órganos como o Observatorio Galego de Acción Voluntaria, a Rede Galega e o Foro de Acción Voluntaria, así como a posta en marcha da Escola Galega de Xuventude e Acción Voluntaria.

O director xeral de Xuventude e Solidariedade, Rubén Cela, presentou hoxe ante voluntarios e voluntarios pertencentes a entidades de todo o país o anteproxecto de lei de Acción Voluntaria de Galiza, un texto que será abordado polo Consello da Xunta na súa xuntanza do vindeiro xoves. Segundo afirmou, a norma nace para dar resposta á demanda de dotar de novos marcos normativos ao sector, fixada xa no Plan Galego de Acción Voluntaria 2006-2010 e que foi tamén trasladada dende as propias entidades, co fin de coordinar a acción voluntaria en Galiza e adaptarse a unha nova realidade marcada pola puxanza do movemento solidario no noso país.

O director xeral de Xuventude e Solidariedade explicou que o texto atende a cinco eixos que era preciso abordar nun novo marco legal. En primeiro lugar, había que revisar o modelo de intervención, "de tal forma que se supere a visión meramente asistencialista da acción voluntaria". O segundo alicerce da nova norma pasaba por redefinir o concepto de acción voluntaria, tendo en conta a evolución experimentada dende a publicación da actual Lei de Voluntariado como consecuencia da transformación da realidade social, dos problemas e das grandes manifestacións de acción voluntaria producidas ante situacións de emerxencia social, "o que fai necesario unha actualización e redeseño estratéxico das políticas públicas da acción voluntaria". A terceira necesidade centrábase en trazar claramente a fronteira de determinación da laboralidade e da acción voluntaria, excluíndo do concepto desta última calquera tipo de traballo remunerado. En cuarto lugar, Cela aludiu á necesidade de regular e actualizar o estatuto de acción voluntaria, relacionando claramente os dereitos e deberes. Finalmente, como quinto eixo estratéxico, apuntou á coordinación interdepartamental das diferentes áreas do Goberno galego, "de xeito que se avance cara unha verdadeira política transversal, por canto a acción voluntaria require unhas políticas multisectoriais que esixen a planificación e coordinación con outros sectores, mediante a constitución dun consello interdepartamental".


Avances na norma
Entre as novidades que incorpora o anteproxecto de lei con respecto á norma vixente, do ano 2000, Rubén Cela destacou que se trata dunha lei "pensada no voluntariado do día a día, acorde coas novas formas emerxentes de voluntariado" e nela apóstase pola calidade e a formación.

No seu Título I, a norma incorpora como principal novidade o concepto de "acción voluntaria", que ven a substituír ao de "voluntariado", para abarcar a toda a actividade solidaria sexa cal sexa o seu ámbito de actuación. Neste mesmo título, Cela quixo deixar claro que a norma "é reiterativa no senso de que a acción voluntaria non eximirá á Administración das responsabilidades e obrigas que lle correspondan, e así mesmo incídese en que a prestación realizada pola persoa voluntaria se faga a marxe da relación laboral remunerada e que non substitúa as prestacións ás que están obrigadas as Administracións Públicas.

Outra novidade importante, recollida no Título II, é que se fai unha regulación específica dos dereitos e deberes das entidades, das persoas voluntarias e das persoas destinatarias da acción voluntaria, a diferenza da lei vixente que só os regula para as persoas voluntarias.


Transversalidade e planificación
En execución do principio de transversalidade que preside a actuación da Administración, créase o Consello Interdepartamental de Acción Voluntaria, para coordinar as actuacións que, en materia de acción voluntaria, efectúen os distintos órganos da Administración autonómica.

En canto á planificación, establécense tres niveis: un plan estratéxico constituído polo Plan Galego de Voluntariado; uns plans sectoriais elaborados a instancia da Comunidade Autónoma ou das entidade locais, que desenvolvan o plan estratéxico; e uns programas e proxectos a través dos que se concretará a planificación estratéxica e sectorial.


Reforzo do Rexistro de Entidades
O director xeral sinalou o reforzamento do Rexistro de Entidades de Acción Voluntaria, introducindo unha regulación máis específica das condicións para a inscrición e cancelación das entidades e apostando tamén pola súa actividade como instrumento de control da actividade das entidades.

Polo que respecta aos órganos de consulta, o Consello Galego de Acción Voluntaria, cambia a súa composición e incorpora funcións fundamentalmente técnicas e de asesoramento.


Novos órganos
Segundo explicou Rubén Cela, a principal novidade da norma ven determinada pola creación de novos órganos. Trátase do Observatorio Galego de Acción Voluntaria, como órgano administrativo que terá como obxectivo o desenvolvemento de actuacións encamiñadas á investigación, á formación así como á creación e ao establecemento de sistemas de información e documentación; da Rede Galega, que incorporará mecanismos que permitan compartir información e recursos e potenciará o uso das novas tecnoloxías de información e de comunicación nas organizacións de acción voluntaria; e do Foro de Acción Voluntaria, que se constituirá coma un foro de comunicación que se encargará da promoción das iniciativas de acción voluntaria levadas a cabo tanto por entidades locais coma por entidades privadas co obxectivo de aglutinar os movementos sociais, os medios de comunicación, as administracións públicas e as entidades de acción voluntaria.

Neste ámbito, Cela quixo destacar como unha das principais novidades a creación Escola Galega de Xuventude e Acción Voluntaria, órgano administrativo que terá como obxecto promover a formación, encontro, reflexión e estudo nas materias obxecto da lei. Deste xeito, segundo o director xeral, dáse cumprimento a outro dos obxectivos do Plan de Voluntariado, que é o fortalecemento da acción formativa.

Créase asemade unha nova figura, o xestor do voluntariado, unha figura de perfil técnico que ten por obxecto coordinar a acción voluntaria e orientar, de xeito individual ou en grupo, á persoa voluntaria sobre o proxecto en que participa, de acordo co seu perfil, coa súa dispoñibilidade e coas súas preferencias, tendo ademais en conta as necesidades da entidade e da sociedade en cada momento.


Proceso participativo
Rubén Cela quixo facer un recoñecemento á importante achega das entidades de acción voluntaria de Galiza á futura lei. Lembrou que o documento é o froito dun proceso de debate e participación que comezara coa elaboración dun documento previo de bases para a reforma que foi obxecto de exame e discusión en diferentes foros de expertos e contrastado coas entidades en encontros a nivel provincial, así como no Congreso Galego de Voluntariado organizado para este fin. Así mesmo, o documento foi abordado en mesas de traballo con representantes dos colectivos e entidades públicas e privadas máis representativos relacionados coa acción voluntaria.

Tras a súa aprobación polo Consello da Xunta, o proxecto de lei comezará a súa tramitación no Parlamento de Galicia.

No Rexistro de Entidades de Acción Voluntaria hai inscritas 726 entidades e calcúlase que 30.000 persoas colaboran e participan, dun xeito ou outro, no voluntariado.

VoluntariadoGalego, 24-11-2008

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Buscar este blog