sábado, 3 de enero de 2009

Inaugurado en Ferrol o sexto centro "Quérote" de toda Galicia

O director xeral de Xuventude e Solidariedade da Xunta, Rubén Cela, inaugurou onte en Ferrol o sexto centro "Quérote" de Galicia nun acto no que cuestionou a visión da Igrexa en materia afectivo sexual, por entender que ningún Goberno se pode inhibir da responsabilidade de informar os mozos de forma "veraz, obxectiva e científica".

Rubén Cela recordou o respecto escrupuloso do Goberno galego coa moralidade e coas diferentes crenzas relixiosas, pero resaltou que a pesar de estar "no ano 2009, na época de internet", é habitual que "a información quede reducida aos patios de colexio" que son meros "caldos de cultivo para a multiplicación de tópicos e prexuízos".

Cela cuestionou así as declaracións do arcebispo de Valladolid, Braulio Rodríguez, que no acto celebrado o domingo en Madrid afirmou que a educación afectivo-sexual debe ser responsabilidade única dos pais.

Fronte a isto, Cela asegurou que desde Xuventude se propón unha educación conxunta entre pais, Goberno e sociedade, para combater de forma efectiva situacións sexuais de risco ou embarazos non desexados.

Engadiranse en breve os da Coruña e Pontevedra

O director xeral de Xuventude presentou así en Ferrol o centro "Quérote", que se suma aos xa existentes en Santiago de Compostela, Lugo, Ourense, Burela e Vigo, nunha rede iniciada hai dous anos e á que se engadirán nas próximas semanas as cidades da Coruña e Pontevedra.

Os centros "Quérote" ofrécenlles aos novos información afectivo-sexual, con persoal especializado. As instalacións de Ferrol, situadas na rúa Santa Comba no barrio do Inferniño, constan de 150 metros cadrados, con tres despachos, unha sala de espera, unha sala de reunións e unha zona de almacéns. O Centro será atendido por un médico, un psicólogo, e un traballador social.

Desde a posta en marcha da sede de Santiago, xa se realizaron preto de 6.000 consultas e organizáronse diversas intervencións en máis de 50 centros educativos, servizos sociais e asociacións. A caseta móbil de "Quérote", que se despraza a centros educativos e a puntos de lecer dos mozos, xa atendeu a máis de 30.000 persoas, á vez que a páxina web de información, segundo Vicepresidencia, rexistrou xa 138.000 accesos.

Galícia-Hoxe.com, 30-12-2008

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Buscar este blog