viernes, 19 de agosto de 2011

Primeira reunión da Concelleira de Acción Social co presidente da ASCM, Ángel Gárate

Narón, 18 de Xullo de 2011.- A Concelleira de Acción Social de Narón, Catalina García, está a manter unha serie de reunións con entidades sociais coas que colabora o Concello a través de convenios. Trátase “dunha primeira toma de contacto como responsable da área” sinalou a edila, que ven de facerse cargo desta concellería dende a firma do pacto de goberno TEGA-PSOE, en xuño deste ano.

O obxectivo destas xuntanzas é “coñecer as actividades que teñen planificadas as entidades para o que resta de 2011, escoitar as súas reivindicacións e ver as necesidades que teñen cada unha destas asociacións”, declarou Catalina García.

Dentro desta primeira rolda de encontros, a concelleira de Acción Social reuníuse a pasada semana coa Asociación de Xordos de Ferrolterra e coa Asociación Dignidade. No primeiro caso, falouse da posibilidade de organizar dende o Concello de Narón cursos de linguaxe de signos dirixidos a funcionarios, para que poidan comunicarse deste xeito cos veciños que o precisen. Na segunda xuntanza, a asociación Dignidade propuxo a posibilidade de abrir en Narón un centro de día para atender a menores en risco de exclusión social. A Concelleira de Acción Social continuará afondando nestos temas á volta do verán.

A rolda de entrevistas continuou hoxe coa Asociación de Minusválidos de Ferrolterra, que en 2012 celebrará o seu 25º cabodano para o cal estudiarase a posibilidade de organizar algún tipo de actividade conxuntamente.

Nos vindeiros días, e ata o 26 de xullo, Catalina García continuará a toma de contacto co resto de entidades de acción social coas que ten convenio en vigor o Concello de Narón: Afal, Aspaneps, Aspanaes, Asociación Nosa Señora de Chamorro, Cáritas, Solidaridade Galega co Pobo Saharaui, Teima Síndrome de Down, Secretariado Xitano, Cruz Vermella, Afaes, e San Xosé Obreiro.

En total suman 14 entidades de acción social coas que o Concello de Narón ten convenios durante este ano, por importe global de 149.000 euros. “Dada a actual situación de crise económica, tivéronse que reducir lixeiramente os convenios pero seguimos apoiando e valorando o traballo que faise dende estas asociacións, especialmente nos momentos tan complicados que vivimos, nos que a demanda de axuda social é cada vez maior”; sinalou a Concelleira de Acción Social.




No hay comentarios:

Publicar un comentario

Buscar este blog