martes, 5 de enero de 2010

A ASCM plantexa a continuidade do ANTA como complemento ao 065


Unhas 45 persoas de Narón beneficianse actualmente do servizo de transporte adaptado ANTA, que leva a cabo a Asociación Sociocultural de Minusválidos (ASCM), cunha das súas sedes no municipio narnonés. Dous chóferes, dous auxiliares e un coordinador encárganse do funcionamento do ANTA, que en breve será substituído polo Servizo do 065, impulsado pola Xunta. A secretaria xeral de Familia e Benestar, Susana López, asina un escrito remitido ao alcalde de Narón, Xosé Manuel Blanco, no que se informa de que para levar a cabo o servizo do 065 con garantía e calidade é preciso unha planificación e coordinación que precisa dun par de meses. Por este motivo, a administración autonómica insta ao Concello a continuar prestando o servizo nos meses de xaneiro e febreiro deste ano, aboando a Xunta a subvención que lle corresponde polo mencionado periodo.

Os cambios poderán supoñer o despido dos traballadores do ANTA, unha medida que rexeita a entidade impulsora do servizo, a ASCM. Para tratar de evitalo, a asociación xa solicitou ao Concello facerse cargo do transporte dos centros de día municipais, pero tamén prevé impulsar novos proxectos.

A ASCM defende a implantación do 065 pero alude á posibilidade de complementar algunhas tarefas que este último non realiza actualmente para apostar pola continuidade do ANTA. “Nalgunhas pistas estreitas as furgonetas do 065 non poden entrar e mandan ás persoas discapacitadas desplazarse ata as estradas principais, pero nós poderiamos recollelos cos nosos vehículos”, indican desde a ASCM. Esta última entidade asegura ademais que o custe do servizo será agora maior para a administración autonómica e confía en que o ANTA poida cubrir as posibles “deficiencias” do 065.

Nos vindeiros días, un coordinador do 065 porase en contacto co coordinador do programa ANTA en Narón para proceder a planificar as rotas do servizo.

DiariodeFerrol, 5-1-2010

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Buscar este blog