domingo, 13 de septiembre de 2009

A ASCM ofrecerá persoal para facerse cargo do mantemento de Río do Pozo


O presidente da Asociación Sociocultural de Minusválidos, Ángel Gárate, solicitará unha entrevista coa concelleira de Polígonos Industriais, Ángeles Díaz, e con empresarios do municipio, para interesarse pola posibilidade de que sexa persoal da mencionada entidade o que se faga cargo das tarefas propias do mantemento do polígono industrial de Río do Pozo.

O persoal de orientación laboral da ASCM ultima un estudo -que se presentará tanto aos políticos como aos empresarios- para tratar de facilitar o acceso ao mercado laboral de persoas con algún tipo de discapacidade. Gárate recoñeceu que a ASCM está a traballar para facerse co mantemento dos polígonos “porque nos parece que requerirá dunha man de obra cuantiosa e poderiamos meter alí a traballar a moita xente”.

Os representantes da asociación anunciaron hai uns meses á concelleira de Polígonos Industriais de Narón acerca do seu proxecto, pero tamén se concertarán reunións nas empresas “para explicarlles as nosas perspectivas de emprego e orientar tanto aos traballadores como aos empresarios”, explicou o presidente da entidade. “Trátase de non perder unha oprtunidade como esta e de que, alomenos, nos teñan en conta, porque xa temos xente preparada e formada que podería traballar aí”, indicou Gárate.

No caso de chegar a un acordo entre as partes implicadas, serían os representantes da ASCM os encargados de realizar unha preselección dos traballadores, sendo sempre a persoa que contrata a que tería a última decisión sobre a quen empregar.

“Somos un colectivo realmente diferenciado e non estamos na liña regular, polo que temos que facer ver que as persoas discapacitadas teñen un problema de integración laboral importante”, subliñou Ángel Gárate.

DiariodeFerrol, 13-9-2009

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Buscar este blog